Tuesday 17 de September de 2024

A Xunta encarga por 51.000 € o deseño e elaboración de material divulgativo para protexer os valores da Rede de Parques Naturais de Galicia


O obxectivo é sensibilizar aos visitantes sobre a riqueza e a biodiversidade destes espazos na busca dun equilibrio entre o uso público e a súa imprescindible conservación

A Xunta acaba de adxudicar por 51.288,27 euros, IVE incluído, o deseño, a elaboración de contidos e a distribución de diferente material divulgativo que contribúa á sensibilización sobre o patrimonio natural e a biodiversidade que caracterizan a Rede de parques naturais de Galicia.

O obxectivo deste servizo é buscar un equilibrio entre o uso público destes espazos naturais e a súa imprescindible conservación, tendo en conta tamén o aumento que está a experimentar na comunidade nos últimos anos o chamado turismo de natureza.

A tal fin, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático considerou necesario dar a coñecer os seus valores mediante a edición e impresión da información máis relevante que deben ter en conta todas as persoas visitantes, poñéndoa ao seu alcance, ademais, dunha forma ordenada e compatible cos obxectivos de conservación.

Cunha extensión global de 49.121 hectáreas, cómpre subliñar que a Rede de parques naturais de Galicia está integrada por seis espazos que, ademais de pertencer á Rede Natura 2000, recibiron no seu día a cualificación de parque natural, unha figura que ten entre as súas principais finalidades a de facilitar a entrada dos visitantes coas limitacións necesarias para garantir a protección dos principais valores que albergan.

Divididos en cinco lotes cun prazo de execución de seis meses cada un, os traballos a executar polas empresas adxudicatarias consistirán na actualización da información existente e na posta en valor do patrimonio localizado dentro dos espazos englobados na categoría de parque natural en Galicia:, que son Monte Aloia, Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, Baixa Limia-Serra do Xurés, O Invernadeiro, Serra da Enciña da Lastra e Fragas do Eume.